Revista AMECER trinta anos de historia. Recoñecemento a sua labor. (I)
Un pouquiño da nosa historia...
"Pero para publica-la revista tan esperada habería que agardar ata o ano de El Señor de 1982. Corría o mes de abril. A primavera estaba moi adiantada. O campo de fútbol estaba cheo de margaridas e pola fiestra aberta da aula entraba un recendo a flores e herba verde. Os paxaros cantaban ledos e andaban a facer os seus niños -os máis adiantados, xa coidaban das súas roladas-. Estabamos nunha clase de Lingua e Literatura Galegas en 8º de EXB -na aula "Fanego Losada", que hoxe ocupa terceiro de ESO-. Falabamos dos medios de comunicación e eu levara á clase varios xornais e unha revista escolar, chamada "Bágoa", feita a multicopista, que editaba daquela o Colexio Público "Virxe da Soidade" de As Gándaras de Lugo.
Entón un dos rapaces, cando viu a revista, preguntou: -¿Por que nós non facemos unha revista así?
Estivemos falando e vendo as posibilidades que había para levar adiante a edición dunha revista. O caso foi que naquela mesma clase quedaron elixidos os representantes de 8º de EXB no Consello de Redacción. Naqueles mesmos días fóronse escollendo os representantes nos outros niveis de EXB. Logo procederíase, por votación democrática entre tódolos alumnos de EXB, á elección de director. Saíu elixido un rapaz de Valdoviño, Miguel Anxo Pérez Fernández.
A revista estaba en marcha, pero faltaba o nome. Fíxose unha votación entre os alumnos e saíron varios, entre eles os máis votados foron: AMENCER, Alborada, Vagalume, Mondoñedo... Rexeitouse Vagalume porque daquela publicábase unha revista en comic titulada así. O nome elixido, por maioría, foi AMENCER.
Gabino Domínguez Lama, daquela alumno de 8º de EXB, deseñaría a cabeceira da revista que permaneceu inalterada desde o comezo. A fin de abril daquel ano de 1982 o número cero estaba na rúa. Así naceu a revista AMENCER.
Os medios eran moi rudimentarios e ademáis, polo menos nos primeiros números, non contabamos co apoio da dirección do Seminario. O número cero vendeuse a cinco pesos para poder así cubri-los gastos. Lembro que foramos o director, o redactor xefe e mais eu levarlle un exemplar a don Miguel Anxo Araúxo, daquela Bispo de Mondoñedo, que nos deu mil pesetas co que cubrímo-los gastos do número cero e aínda nos sobraron unhas pesetas. Don Miguel dixéranos que o difícil non era empezar senón continuar. Foise continuando e aquel pitiño tremente e curioso que racha a casca do ovo para nacer, que aparece na tapa do número cero, foise convertendo pouco a pouco nun galo varil e repoludo... Así naceu AMENCER, que xa chegou ó número centro noventa e tres."
Extracto recollido do nº194 - marzo-abril de 2007, pp.41-42
Podemos leer o seu último número pulsando na portada
